Hoxe comeza en Ourense o X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica, unha cita organizada pola Academia Galega do Audiovisual no marco do Festival de Cine de Ourense (OUFF) e co apoio da Deputación de Ourense, que reúne ás academias cinematográficas e audiovisuais de diferentes territorios do Estado e de Portugal.
Nesta décima edición participan a Academia de Cine de Andalucía, a Academia del Cine Aragonés, a Academia del Cine Asturiano, a Acadèmia del Cinema Català, a Academia de Cine de Extremadura, a Academia Galega do Audiovisual, a Academia Portuguesa de Cinema e a Academia Valenciana de l’Audiovisual.
O encontro ten como obxectivo crear un espazo de diálogo e colaboración entre as diferentes institucións, compartir experiencias, poñer en común as problemáticas e retos aos que se enfrontan e identificar liñas de cooperación que contribúan ao fortalecemento do sector audiovisual nos distintos territorios. Entre os asuntos que se abordarán durante estas xornadas están a regulación do uso da intelixencia artificial nos respectivos premios, as categorías de longametraxes en linguas cooficiais e a reestruturación das categorías de interpretación para eliminar a segregación por sexos.
As Academias presentarán mañá os novos LIC 2026
Un dos momentos centrais do programa será a presentación dos Lugares de Interese Cinematográfico (LIC) 2026, unha iniciativa conxunta das Academias que recoñece espazos singulares polo seu valor patrimonial, histórico e simbólico para o audiovisual.
As oito Academias participantes darán a coñecer as súas propostas mañá mércores, ás 11.00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. O acto permitirá coñecer os novos espazos que pasan a formar parte desta rede de localizacións vinculadas á memoria cinematográfica dos diferentes territorios.
A iniciativa LIC busca poñer en valor lugares que forman parte da historia do cinema e do audiovisual e destacar a diversidade cultural e territorial da Península a través dos seus espazos, paisaxes e localizacións cinematográficas.
Unha exposición reúne en Ourense os premios das Academias
No marco do X Encontro, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle tamén unha exposición que reúne, por primeira vez nun mesmo espazo, os principais galardóns das Academias participantes.
A mostra permite coñecer de preto o Mestre Mateo, da Academia Galega do Audiovisual; o Gaudí, da Acadèmia del Cinema Català; o Carmen, da Academia de Cine de Andalucía; o Simón, da Academia de Cine Aragonés; o Lola Gaos, da Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual; e o Sophia, da Academia Portuguesa de Cinema.
A través dos seus trofeos máis representativos e de información sobre cada unha das entidades, a exposición ofrece un percorrido pola diversidade das cinematografías e dos sectores audiovisuais dos diferentes territorios, así como polo traballo que desenvolven as Academias na promoción da cultura audiovisual. A exposición é de acceso gratuíto e poderá visitarse ata o 5 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica combinará así reunións de traballo entre as institucións participantes con actividades abertas á cidadanía, nunha cita que busca fortalecer os vínculos e a cooperación entre as Academias e poñer en valor a diversidade do audiovisual dos diferentes territorios.

