O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comezou na fin de semana o ciclo dedicado ao cineasta estadounidense Gus Van Sant coa proxección da súa primeira longametraxe “Mala Noche” (1985) el pasado sábado. A proxección repítese hoxe, luns día 7 de xuño. O completo ciclo sobre éste autor prosegue no mes de xullo.


Dono dunha das traxectorias máis singulares no cine recente, o estadounidense Gus Van Sant (Louisville, 1952), comeza a súa carreira artística probando nas belas artes ou na publicidade, afincándose en Los Angeles en 1976. Con escasos aforros filma “Mala noche” (1985), primeira aproximación á núcleos de personaxes fóra de convencións, marxinais ou soñadores observados de maneira nada compracente, e marcados polo seu pasado, a educación e as circunstancias familiares.

Os dramas “Drugstore cowboy” (1989) e “Mi Idaho privado” (1991) colócano no mapa da crítica internacional máis esixente. O revés sufrido por “Ellas también se deprimen” (1993) lévao a aceptar ofertas dentro do sistema de produción dos grandes estudios, obtendo bos resultados coas súas seguintes películas. “Psicosis” (1998), na súa relectura apropiacionista do título de Hitchcock, vai representar un punto de inflexión polos seus aspectos posmodernos e cando perpetra a súa tetraloxía sobre a incomunicación -un ciclo comparable ao de Antonioni con distintas estratexias-, sempre co trasfondo xuvenil e formada por “Gerry” (2002), “Elephant” (2003, Palma de Ouro en Cannes), “Last days” (2005) e “Paranoid Park” (2007) rebenta os parámetros críticos.

Concibidas como percorridos fantasmais polas turbulencias do cine moderno e as súas posibilidades, escrituras fílmicas tan fermosas como espectrais, Van Sant paraliza o tempo e xera imaxes especulares, facendo da súa independencia e sentido da aprendizaxe figuras de estilo. O ciclo complétase no mes de xullo.
 

BAD NIGHT / MALA NOCHE
(Estados Unidos, 1985)
Dirección e produción: Gus Van Sant. Guión: Gus Van Sant, sobre unha novela de Walter Curtis. Fotografía: John J. Campbell. Intérpretes: Tim Streeter, Ray Monge, Robert Lee Pitchlynn, Nyla McCarthy. Duración: 78 minutos.
Opera prima de Gus Van Sant, estreada en España máis de 20 anos despois, unha obra independente, de orzamento mínimo (25.000 dólares), un título elíptico, nocturno e traxicómico, baseado na novela autobiográfica de Walt Curtis. Walt, propietario dunha tenda en Portland namórase tolamente de Johnny, un adolescente inmigrante ilegal mexicano que non fala inglés. Indiferente a Walt, acepta durmir con el por cartos, pero Walt non logra xuntar a cantidade requirida. Johnny parece máis interesado pola irmá de Walt, Betty, mentres Walt se centra no mellor amigo de Johnny, Roberto.

Resto de proxeccións mes de xuño:

DRUGSTORE COWBOY     
(Estados Unidos, 1989)
Dirección: Gus Van Sant. Guión: Gus Van Sant e Daniel Yost, sobre a novela de James Fogle. Produción: MGM. Fotografía: Robert Yeoman. Intérpretes: Matt Dillon, Kelly Lynch, James LeGros. Duración: 102 minutos.
A película que colocou a Van Sant no panorama cinematográfico mundial é tamén unha das mostras fidedignas da eclosión e chegada a Europa de certo cine independente de calidade procedente dos Estados Unidos. O relato cru dunha banda de catro delincuentes adictos ás drogas que rouban farmacias conta coa colaboración do mítico escritor William S. Burroughs e acaba por consagrar a Matt Dillon.    
 
MY OWN PRIVATE IDAHO / MI IDAHO PRIVADO     
(Estados Unidos, 1991)
Dirección e guión: Gus Van Sant. Produción: Laurie Parker para New Line Cinema. Fotografía: John Campbell e Eric Alan Edwards. Intérpretes: River Phoenix, Keanu Reeves, James Russo. Duración: 104 minutos.
Dous mozos prostitutos malviven nas rúas de Portland (Oregón) vendendo o seu corpo a homes. Un deles, Mike (River Phoenix) é homosexual e sofre de narcolepsia, a enfermidade do sono; o outro, Scott (Keanu Reeves), inspirado -co recitado de fragmentos enteiros da obra orixinal- no Enrique IV de Shakespeare, pertence a unha prestixiosa familia contra a que decide rebelarse. Copa Volpi á mellor interpretación masculina en Venecia para o malogrado River Phoenix e premio da crítica en Toronto.
 
EVEN COWGIRLS GET THE BLUES / ELLAS TAMBIÉN SE DEPRIMEN     
(Estados Unidos, 1992)
Dirección e guión: Gus Van Sant, sobre a novela de Tom Robbins. Produción: New Line Cinema e Fourth Vision. Fotografía: John Campbell e Eric Alan Edwards. Intérpretes: Uma Thurman, Lorraine Bracco, John Hurt. Duración: 95 minutos.
Sissy Hankshaw ten uns enormes polgares cos que fai autostop e viaxa polos Estados Unidos. Road-movie transgresora e delirante, chea de encontros e dunha conxunción heteroxénea de figuras de culto da intepretación e da cultura underground (Keanu Reeves, Sean Young, Pat Morita, Angie Dickinson, Ed Begley jr., Carol Kane, Buck Henry e o mesmo William S. Burroughs).   
 
TO DIE FOR / TODO POR UN SUEÑO   
(Estados Unidos, 1995)
Dirección: Gus Van Sant. Guión: Buck Henry, sobre unha novela de Joyce Manard. Produción: Laura Ziskin para Columbia Pictures e The Rank Organisation. Fotografía: Eric Alan Edwards. Intérpretes: Nicole Kidman, Matt Dillon, Joaquin Phoenix. Duración: 106 minutos.
Os soños de grandeza de Suzanne Stone, unha rapaza que aspira a converterse en estrela da televisión. Chea de ambición e xunto a un grupo de mozos, Suzanne decide acabar co seu home, Larry Maretto, entendido como un freo aos seus plans de crecemento. Mais a familia de Larry tamén parece ser temible. Globo de Ouro á mellor actriz para a australiana Nicole Kidman.   
 
GOOD WILL HUNTING / EL INDOMABLE WILL HUNTING    
(Estados Unidos, 1997)
Dirección: Gus Van Sant. Guión: Matt Damon e Ben Affleck, coa colaboración de William Goldman. Produción: Miramax Films. Fotografía: Jean-Yves Escoffier. Intérpretes: Matt Damon, Robin Williams, Ben Affleck, Minnie Driver. Duración: 126 minutos.
Will Hunting é un mozo prodixio das matemáticas que traballa no MIT, universidade de Massachussetts. Cunha vida complexa, Hunting pasa por moitos problemas sen acabar por aceptarse a si mesmo. A presenza dun amigo íntimo, unha moza e un psiquiatra axudaranlle a intentar arranxar os seus demos persoais. Un proxecto no que Van Sant rescatou un guión dos actores Matt Damon e Ben Affleck, obtendo o maior éxito de recadación da súa carreira. Oscar ao mellor guión orixinal e ao mellor actor secundario (Robin Williams).      
 
PSCYHO / PSICOSIS    
(Estados Unidos, 1998)
Dirección: Gus Van Sant. Guión: Joseph Stefano, sobre a novela de Robert Bloch. Produción: Universal Pictures. Fotografía: Christopher Doyle. Intérpretes: Vince Vaughn, Anne Heche, Julianne Moore, Viggo Mortensen. Duración: 105 minutos.
Van Sant adapta o clásico de Alfred Hitchcock copiando plano a plano (en cor) o filme orixinal de 1960. Unha muller escapa cun botín e vai dar a un estraño motel, rexentado por un nervioso mozo dominado pola súa nai. Operación de reescritura da Historia que marca un punto de inflexión na capacidade de inventiva e renovación narrativa de Van Sant. Participación dun nutrido elenco de estimables secundarios (William H. Macy, Robert Forster, James Remar ou James LeGros).
 
FINDING FORRESTER / DESCUBRIENDO A FORRESTER    
(Estados Unidos, 2000)

Dirección: Gus Van Sant. Guión: Mike Rich. Produción: Columbia Pictures. Fotografía: Harris Savides. Intérpretes: Sean Connery, Rob Brown, F. Murray Abraham, Anna Paquin. Duración: 136 minutos.
Un rapaz negro do Bronx, Jamal, ten especiais dotes para o baloncesto e a escritura. O encontro cun xenio da literatura túzaro, o escritor desaparecido William Forrester (inspirado na figura de J.D. Salinger), muda a vida de Jamal. Dalgunha maneira, ambos intentarán axudarse mutuamente. Aparicións dos actores Michael Pitt e Matt Damon.

GERRY    
(Estados Unidos, 2002)
Dirección: Gus Van Sant. Guión: Matt Damon, Casey Affleck e Gus Van Sant. Produción: Epsilon Motion Pictures e My Cactus. Fotografía: Harris Savides. Intérpretes: Casey Aflleck, Matt Damon. Duración: 103 minutos.
Dous amigos inician unha viaxe na procura do descoñecido. Segundo o crítico José Manuel López, “Gerry pertence a unha corrente dentro do cine contemporáneo que, como o vello western ou as películas bélicas, envorca as súas historias e personaxes en contornos espidos ou exuberantes, concretos ou inabarcables, naturais ou urbanos… pero sempre inhóspitos. Fronte a ese contorno, os personaxes encaran un proceso que, a pesar da súa atemporalidade, se pode entender como consubstancial á modernidade: a busca da identidade” . En declaracións do propio Gus Van Sant, “en parte queriamos que o público se sentise perdido ao longo da metraxe con eses dous tipos. Non obstante, tamén en parte se trataba de levalos a un sitio distinto, onde esencialmente estivesen ‘perdidos’ desde unha perspectiva estilística: tratábase de telos afastados do estilo de cine norteamericano moderno”.