XA COÑECEMOS ÓS NOMINADOS ÓS PREMIOS MM 05: As Leis de Celavella, Libro de Familia, El Sueño de una noche de San Juan ou León y Olvido, entre as máis nominadas

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer hoxe os finalistas de cada unha das 25 categorías establecidas nas Bases dos Premios Mestre Mateo 05, que optan á estatuíña que se entregará o 19 de Marzo na Coruña, no decurso da Gala de Entrega dos Premios, e que será retransmitida en rigoroso directo pola TVG. Foi esta mañá cando o presidente da A.G.A., Manolo Gómez, acompañado pola xerente Mamen Quintas, o letrado deste organismo, Miguel Lorenzo, e a xefa de Programas da TVG Ana Cermeño, abriron diante dos medios de comunicación os 25 sobres que contiñan os nomes das producións e dos profesionais nominados, é dicir, os finalistas resultantes da primeira rolda de votación que @s soci@s da Academia consideraron idóneos para optar, na que será a segunda e derradeira rolda de votacións, ó Premio de cadansúa categoría.

O XOVES 23 DE FEBREIRO, ÁS 12,30, A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL DARÁ A COÑECER EN ROLDA DE PRENSA OS NOMINADOS ÓS MM 05

Será na nova sé da entidade Caixanova na Coruña (Avda. da Mariña), o xoves 23 de febreiro ás 12,30 do mediodía, cando a Academia Galega do Audiovisual dea a coñecer a listaxe de nominados ós Premios Mestre Mateo 05, trala primeira rolda de votacións realizada polos socios da mesma. Na Rolda de Prensa estarán presentes Manolo Gómez, presidente da A.G.A., a xefa de Programas da TVG, Ana Cermeño, así como a vicepresidenta e a xerente da A.G.A., Isabel Blanco e Mamen Quintas respectivamente, e o avogado da mesma, Miguel Lorenzo.

A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL VOTA ÓS CATRO FINALISTAS DE CADA CATEGORÍA PARA OS PREMIOS MM05

A Academia Galega do Audiovisual comezou xa a enviar as papeletas de votación @s soci@s da mesma, para determinar ós catro finalistas, os catro nominados, de cada unha das 26 categorías que se someten a votación dos membros da AGA, unha vez realizadas e resoltas as alegacións presentadas polos mesmos. Así, terán que determinar antes do 17 de febreiro quen serán os catro nominados de entre os candidatos de cada unha das categorías estipuladas nas Bases destes Premios Mestre Mateo 05, e que posteriormente, ata o 10 de marzo, serán con esta listaxe de finalistas cos que haberá que elixir ós gañadores de cadansúa categoría. Uns gañadores que coñeceremos na Gala de entrega dos Premios, que se celebrará na Coruña no vindeiro mes de Marzo.

37 PRODUTORAS E 4 ESCOLAS E UNIVERSIDADES PRESENTARON 93 TRABALLOS PARA OS MESTRE MATEO 05

Nesta nova edición dos Premios Mestre Mateo que organiza e convoca a Academia Galega do Audiovisual, foron 37 as empresas Produtoras que presentaron, xunto con 4 Escolas e Universidades, un total de 93 traballos para o conxunto das 27 categorías establecidas nas Bases da convocatoria. No que atinxe ós profesionais que optan a este galardón, son 271 as persoas que aspiran a levarse unha estatuíña en Marzo no decurso da Gala que se celebrará na Coruña.

A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL CONVOCA OS PREMIOS MESTRE MATEO 05 QUE SE CELEBRARÁN EN MARZO DO ANO QUE VEN

As empresas produtoras así como os profesionais do audiovisual, xa poden presentar os seus traballos para optar ós Premios Mestre Mateo 05 que un ano máis, organiza a Academia Galega do Audiovisual, porque xa está aberto o prazo de presentación que rematará o vindeiro 23 de decembro para a recepción de traballos aspirantes ós nomeamentos. Unha das condicións que teñen que cumprir estes traballos, é que sexa estreados, emitidos ou publicados antes do 31 de decembro deste ano.

ABERTA CONVOCATORIA DOS PREMIOS MESTRE MATEO

INFORMAMOS QUE DENDE HOXE XOVES, DÍA 3 DE NOVEMBRO, E ATA O VENRES 23 DE DECEMBRO DE 2005, QUEDA ABERTA A CONVOCATORIA DOS PREMIOS DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL "MESTRE MATEO 2005". PARA LER BASES E FOLLA DE INSCRICIÓN PREME AQUI.

O ANO DA CARRACHA FOI A LONGAMETRAXE QUE SUMOU MÁIS GALARDÓNS

O ano da Garrapata foi a película gañadora dos Premios Mestre Mateo 04 que se celebrou onte, cun cheo total no Teatro Sala de Concertos de Caixanova en Vigo. Nada menos que oito galardóns doutras tantas categorías establecidas nas bases, fixeron subir ó escenario en distintas ocasións ó seu director, Jorge Coira, que recolleu o premio á Mellor Longametraxe e á Mellor Dirección. A Mellor Dirección de Producción, Xavier Eirís; a Mellor Maquillaxe e Perruquería, Raquel Fidalgo e María Barreiro; a Mellor Montaxe, Guillermo Represa, a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Javier Veiga; a Mellor Interpretación Masculina Secundaria, Luís Zahera, e a Mellor Interpretación Femininia Secundaria, Camila Bosse, foron as categorías premiadas nesta longametraxe, cuxa páxina web, garrapatalapelicula.com creada pola empresa Interacción CIM, recolleu tamén o Premio á Mellor Producción Interactiva. A película está producida por Filmanova.

UN MUSICAL DE CABARET CONDUCIDO POR MONCHO BORRAJO, MARÍA CASTRO, SONIA LÓPEZ E MONTI CASTIÑEIRAS CENTRAN A GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO 04

Moncho Borrajo, Sonia López, María Castro e Monti Castiñeiras, serán os profesionais que conduzan o “Musical de cabaret” que constitúe o espectáculo da Gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 04, que ten lugar o domingo 20 de marzo ás 22,30 da noite, no Teatro-Sala de Concertos de Caixanova en Vigo, antigo García Barbón, e que será retransmitida en directo pola TVG.

OS NOMINADOS ÓS PREMIOS MESTRE MATEO 04 CELEBRAN MAÑÁ VENRES A SÚA FESTA EN VIGO

Mañá venres día 4 de marzo, tódolos nominados ós Premios Mestre Mateo 04 teñen a súa festa, organizada pola Academia Galega do Audiovisual, ás 20,30 horas da tarde, na Sala Sete Mares de Vigo, na Travesía de Santiago nº 2. Á festa acudirán, ademais dos nominados e os finalistas dos Premios, numerosas persoalidades do mundo do audiovisual galego, empresas productoras, televisións e profesionais do sector. O concello de Vigo ofrece un viño e uns pinchos, como xentileza por ser nesa cidade onde teña lugar, o 20 de marzo, a entrega dos Premios. Lembramos que foron un total de 33 as productoras que presentaron distintos traballos (89 produccións en total) ós Premios, e máis de 100 os profesionais presentados e nominados.

XA HAI FINALISTAS PARA OS PREMIOS MESTRE MATEO 04

Os socios da Academia Galega do Audiovisual nomearon xa ós finalistas para os Premios Mestre Mateo 04 que optarán a cada un dos premios das 25 categorías establecidas. Así o deron a coñecer hoxe na Rolda de Prensa celebrada en Vigo os membros da directiva da Academia, que estiveron acompañados polo director xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Enrique Murga, o director da TVG Anxo Quintanilla, o director de Programas da TVG Carlos Carballo, e o avogado da Academia, Miguel Lorenzo. Por parte da mesma estiveron presentes o seu presidente Manolo Gómez, a xerente Mamen Quintas, e as membros da xunta directiva Marta Villar e Isabel Blanco. Ó acto asistíu tamén a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, tendo en conta que será nesta cidade onde se celebre a Gala de entrega dos Premios, o vindeiro día 20 de marzo.