A Academia prepara unha programación de actividades previas á gala dos XXIV Premios Mestre Mateo

29 / 01 / 2026

A Academia Galega do Audiovisual presentou en Lugo a ampla programación de actividades que se desenvolverán durante os meses de febreiro e marzo como antesala da gala dos Premios Mestre Mateo. O obxectivo desta programación é achegar á cidadanía a festa do audiovisual galego e fomentar a súa participación activa.

Entre os momentos máis destacados está o anuncio dos finalistas o 3 de febreiro no centro sociocultural O Vello Cárcere, aberto por primeira vez ao público, así como as proxeccións gratuítas das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, acompañadas de coloquios cos equipos das obras.

A programación complétase con encontros divulgativos sobre os segredos da organización da gala, unha charla cos presentadores e co Premio de Honra, e a creación do Premio Especial do Público, que permitirá votar pola película favorita. A gala dos Premios Mestre Mateo celebrarase o 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, reunindo a 900 persoas e convertendo a cidade no epicentro do audiovisual galego, cunha alfombra vermella e un novo espectáculo en directo para o público. Todas as actividades serán gratuítas ata completar aforo, reforzando a aposta por facer de Lugo un espazo de encontro e celebración do talento audiovisual galego.

Toda a información está na web dos Premios Mestre Mateo.

Categoría: Novas
Etiquetas: