A Academia Galega do Audiovisual incorpórase á Federación de Academias de Cinema Europeas (FACE)

29 / 06 / 2026

A Academia Galega do Audiovisual incorpórase á Federation of Film Academies Europe (FACE), a organización que reúne as academias de cinema de toda Europa co obxectivo de fortalecer a colaboración entre institucións e impulsar a visibilidade do cinema europeo.

A incorporación foi oficializada o pasado 11 de xuño, durante a III Asemblea Xeral de FACE, celebrada en Taormina (Italia). A Academia Galega foi admitida como novo membro xunto coa Irish Film & Television Academy, elevando a 25 o número de academias que integran actualmente a federación.

Esta incorporación supón un importante paso adiante para a Academia Galega do Audiovisual, reforzando a súa presenza no ámbito europeo e abrindo novas oportunidades de cooperación, intercambio de coñecemento e participación en iniciativas conxuntas que contribúan á promoción e internacionalización do audiovisual galego.

FACE foi creada en 2024 co propósito de unir as academias de cinema europeas nunha voz común ao servizo do crecemento e da proxección do cinema europeo. Entre os seus membros fundadores atópase a Academia Europea de Cinema, impulsora dos encontros anuais entre academias nacionais desde 2006.

Durante a asemblea celebrada en Taormina, as academias membro abordaron as principais liñas de traballo da federación para os vindeiros anos, renovaron parte da súa xunta directiva e presentaron a nova páxina web de FACE, ademais de facer balance de Best of Europe, unha iniciativa desenvolvida en colaboración con FestivalScope que facilita o acceso das academias membro a unha selección de películas premiadas nos distintos países europeos, favorecendo a súa difusión e circulación internacional.

A entrada da Academia Galega do Audiovisual en FACE consolida a súa participación nos espazos de diálogo e cooperación do sector audiovisual europeo e reforza o compromiso da institución coa internacionalización e a promoción do cinema galego.

Categoría: Novas
Etiquetas: FACE