A Academia Galega organiza a xornada “Procesos de escritura: guión, interpretación e montaxe” no marco dos Premios Feroz 2026

3 / 11 / 2025

A Academia Galega do Audiovisual celebra o vindeiro 20 de novembro de 2025 a xornada “Procesos de escritura: guión, interpretación e montaxe”, unha actividade paralela organizada co apoio do concello de Pontevedra e en colaboración cos Feroz, a Universidade de Vigo e a Asociación Sindical Galega de Guionistas no marco dos Premios Feroz 2026 que convida a reflexionar sobre o oficio do guión audiovisual e o seu papel como estrutura viva dentro do proceso creativo dunha obra.

A proposta pretende afondar na comprensión do guión non só como punto de partida narrativo, senón como documento en permanente transformación, que se reescribe e redefine a través do traballo doutros oficios fundamentais do audiovisual como a interpretación e a montaxe.

Deseñada como un espazo de diálogo técnico e creativo entre profesionais galegos e galegas destas áreas, a xornada ofrecerá unha visión coral e práctica do proceso de escritura audiovisual, abordando as distintas etapas nas que o guión evoluciona: desde o proceso de interpretación na rodaxe ata a versión final que chega ao público.

Con esta actividade, a Academia Galega do Audiovisual busca visibilizar a natureza colectiva e interdependente do proceso audiovisual, subliñando que o guión é unha ferramenta de diálogo entre distintos oficios e sensibilidades, ao tempo que se ofrece ao público unha oportunidade para coñecer os procesos internos que dan forma ás historias que chegan á pantalla.

Programa da xornada

Data: 20 de novembro de 2025
Lugar: Aula de Cine da Facultade de Comunicación

10:00 – 10:15 h | Benvida institucional
10:15 – 11:45 h | Mesa 1: O guión e a interpretación
Diálogo sobre o proceso de creación das personaxes, a lectura do guión e a tradución á escena. A lectura e apropiación do texto por parte de actores e actrices constitúe unha auténtica fase de reescritura escénica, nun proceso vivo e colaborativo entre guión, dirección e elenco.

Moderadora: Ángela Andrada (Actriz e guionista)
Participantes:

  • Victoria Teijeiro (Actriz e guionista)

  • Ledicia Sola (Actriz e guionista)

  • Fernando Tato (Actor, guionista e director)

  • Paula Cons (Directora e guionista)

12:00 – 13:30 h | Mesa 2: O guión e a montaxe
Conversa sobre a reconstrución do relato na sala de montaxe, onde o ritmo, as elipses e as decisións de continuidade definen o ton e o significado último da obra. A montaxe enténdese así como unha nova fase de escritura narrativa.

Moderador: Marcos Nine (Director, guionista e montador)
Participantes:

  • Laura Piñeiro (Montadora de cinema e televisión)

  • Sandra Sánchez (Directora e montadora)

  • Ángel Filgueira (Guionista e cineasta)

  • Gaspar Broullón (Montador, produtor e docente

Esta actividade enmárcase dentro da colaboración da Academia Galega do Audiovisual cos Premios Feroz 2026, reforzando o seu compromiso coa formación, o debate profesional e a visibilidade do talento galego no ámbito audiovisual.

Categoría: Novas
Etiquetas: