A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe as persoas gañadoras da décima edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, os catro galardóns recaeron en propostas de autoría feminina que abordan cuestións como a representación das mulleres lesbianas no audiovisual galego, o tratamento do corpo feminino na pantalla, as relacións entre ficción audiovisual, traballo e clase ou a presenza do cinema na obra xornalística e editorial de María Luz Morales.
A entrega de premios tivo lugar este xoves na Deputación de Lugo, nun acto no que participaron Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Marcos Vázquez, director de Cultura da Deputación de Ourense; Iria Castro, deputada responsable da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; e as integrantes do xurado Aldara Pagán e Finocha Formoso.
Durante a súa intervención, Lucía Veiga puxo en valor a traxectoria destes premios, que desde hai dez edicións buscan fomentar a investigación, a reflexión e a creación arredor do audiovisual, tanto galego como internacional, a través de formatos escritos e audiovisuais.
Desde a súa creación, a convocatoria —pioneira no Estado neste ámbito— abriu un espazo específico para a investigación, a análise crítica e a creación arredor do audiovisual, tanto galego como internacional, a través de ensaios escritos e videoensaios. Na actualidade, son os únicos premios específicos de ensaio sobre o audiovisual galego que se convocan en Galicia. En dez edicións, os Premios María Luz Morales acumulan 237 traballos presentados, 89 deles centrados no audiovisual galego.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, o premio foi para “O cinema sobre o papel: interpretación da sétima arte na obra xornalística e editorial de María Luz Morales”, de Alba María Moledo Ucha. O xurado destacou o coidado da investigación e da documentación sobre María Luz Morales e a súa relación co cinema. A través da súa actividade como crítica, xornalista e editora, o ensaio recupera unha figura fundamental para comprender a historia da cultura cinematográfica galega. A riqueza da escritura e o ton respectuoso empregado para abordar a súa traxectoria completan un traballo de notable interese.
O galardón ao Mellor videoensaio sobre audiovisual galego foi para “Un caderno dixital: A lesbiana no audiovisual galego”, de Lucía Estévez González. A proposta achega unha lectura persoal da representación das mulleres lesbianas no audiovisual galego, a partir dun percorrido por diferentes obras e personaxes que permite identificar cambios, estereotipos e novas formas de representación. O xurado valorou a elección dos materiais e a consistencia da análise, así como unha montaxe fresca e dinámica que contribúe a facer máis atractivo o percorrido.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio recaeu en “Odiar os luns. Unha reflexión sobre ficción audiovisual, traballo e clase”, de Uxía Bereixo. O xurado destacou o vínculo que a proposta establece entre a análise cinematográfica, a experiencia vital do espectador e diferentes cuestións da sociedade contemporánea. A estrutura e a elección das temáticas resultan intelixentes e innovadoras, mentres que a diversidade de obras contribúe a articular unha reflexión con identidade propia. Para o xurado, trátase dun ensaio actual e crítico, escrito con riqueza e coidado, que invita a unha recepción activa.
Finalmente, o Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para “Como despezar o corpo feminino na pantalla”, de Sara Calvete Lorenzo. O xurado salientou a personalidade da proposta e a maneira de empregar as posibilidades expresivas do videoensaio para articular unha reflexión que non se limita á descrición das obras. A análise, profunda e contrastada, detense no tratamento e na representación do corpo da muller, mentres que o ritmo, a construción do relato e o emprego da linguaxe audiovisual reforzan a coherencia e singularidade do conxunto.
O xurado desta décima edición dos Premios María Luz Morales estivo integrado pola artista visual e xestora cultural Aldara Pagán, pola profesora da UDC, especialista en comunicación, Finocha Formoso e pola comunicadora e xestora Miriam Rodríguez, que avaliou as propostas presentadas nas catro categorías da convocatoria.
Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924, asinando baixo un pseudónimo masculino, e chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.
Os Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

